Sunday 19 de May de 2024

O Concello de Frades organiza un obradoiro gratuíto de máscaras e maquillaxe para nenos e nenas de ata 14 anos de idade


Últimos días para anotarse no concurso de disfraces, que terá lugar este domingo 15 de febreiro no polideportivo de Ponte Carreira

O Concello de Frades convoca un obradoiro de máscaras e maquillaxe para nenos e nenas de ata 14 anos de idade, que terá lugar o próximo luns 16 de febreiro, de 16:00 a 19:00 horas, no multiúsos de Frades. Trátase dunha actividade de participación totalmente de balde, se ben é preciso anotarse no Concello de Frades ou no teléfono 981 695 567 antes das 14:00 horas do venres 13 de febreiro.

O Concello de Frades informa de que todos os participantes terán merenda de balde, así como que todos os que asistan disfrazados levarán un agasallo especial. Os nenos/as menores de catro anos deberán estar acompañados por un adulto.

Concurso de disfraces

Así mesmo, o Concello de Frades informa de que este venres 13 de febreiro tamén se pecha o prazo de anotación no seu tradicional concurso de disfraces, que terá lugar o domingo 15 de febreiro, ás 17:00 horas, no pavillón municipal de Ponte Carreira. Como non se aceptarán inscricións o día do concurso, aqueles interesados en participar deberán apuntarse no Concello de Frades ou no teléfono 981 695 567 antes das 14:00 horas deste venres.

No concurso destinaranse 960 euros a premios, divididos en dúas categorías: infantil (ata 14 anos) e adultos (máis de 14 anos); e dúas modalidades: individual (1 ou 2 compoñentes) e grupos (máis de dous compoñentes). O xurado, que premiará os dous mellores disfraces de cada categoría, lembra que se nun grupo infantil hai un adulto, a agrupación pasará de xeito automático a competir na categoría de adultos. Como novidade, este ano tamén se premiará con 120 euros o mellor disfrace individual ou de grupo conformado por veciños e veciñas de Frades (sempre que non foran premiados noutra categoría).

Haberá premios de 300 e de 150 euros para os dous mellores grupos adultos; así como 100 e 50 euros na categoría individual. Na categoría infantil, os dous gañadores do concurso de grupos levarán 100 e 50 euros, respectivamente; mentres que os gañadores do concurso individual infantil levarán 60 e 30 euros. Os dorsais dos participantes poderán recollerse no propio pavillón polideportivo de Ponte Carreira a partir das 16:30 horas.

Durante toda a tarde, o pavillón municipal de Ponte Carreira acollerá tamén unha gran festa de animación con xogos, inchables, obradoiros, música e unha gran chocolatada. Unha festa na que tomaron parte case catrocentos veciños en 2014, edición que rexistrou uns 70 participantes no concurso de disfraces.